|
Howl foi recitado en público por primeira vez en San Francisco no I956. Disque o texto foi acompañado de berros e exclamacións, coma se dun solista de jazz se tratase, por parte do abraiado público, cousa que o autor enxergou como a aceptación inmediata dun poema que nacera no ruxinte contexto da oralidade.
E é que Allen Ginsberg, nado en Paterson no 1926, desenvolvera xa daquela unha linguaxe disposta en longos versos de carácter salmódico baseados no ritmo da propia locución enlevada, cun compoñente fonético xamais imaxinado denantes, procurando arreo a sonoridade do discurso jazzístico tinguido dun subxugante halo visionario.
Agrupando os grandes temas eternos - a morte, o amor, a amizade -, adobiándoos sempre cunha gran imaxinería rica en espazos urbanos propia do autor - manicomios en Rockland, supermercados en California, pisos baratos ás beiras do Hudson -, Howl supón o testemuño de cómo toda unha xeración loitou por sobrevivir á hecatombe que supuxo a IIª Guerra Mundial, padecendo e criticando as secuelas dun monstruoso sistema que deixara desamparadas a milleiros de persoas: un descenso ós maiores infernos do home, pero visto sempre dende a perspectiva da esperanza e do verdadeiro amor ó ser humano e á súa existencia.
A súa publicación no 1957 supuxo o nacemento, canda On the Road de Jack Kerouac e Gasoline de Gregory Corso, da chamada beat generation. Logo chegarían numerosas e aclamadas obras como Kaddish ou The Fall of America, que converterían ó seu autor nunha voz requirida cadora ó longo dos anos en practicamente calquera círculo artístico.
O seu peso como persoeiro público serviu de nexo entre os eidos da arte culta e facetas máis populares como a música comercial ou o cinema, de maneira que cando Allen Ginsberg morreu en New York no I997, xa dera en alimentar a súa presenza constante de coloso cultural durante toda unha metade do século XX. Allen Ginsberg, Ho |

|
Traducido a gran número de idiomas, entre as últimas no noso país destacan a versión ao galego de Edicións Positivas ou a edición do Círculo de Bellas Artes de Madrid, dispoñendo para este concertó dunha versión realizada en exclusiva por Xoán Abeleira, o mesmo recitador, e renombrado tradutor de autores como Arthur Rimbaud ou Sylvia Plath. |


