A medio camiño entre a música contemporánea, a formación camerística tradicional, a improvisación libre con elementos jazzísticos, a performance, ou a corrente denominada spoken word, todo iso impregnado dunha forte enerxía bruitista, Música para un Ouveo é un espectáculo escénico cuxa base é o desenvolvemento dun sistema de improvisación grupal sobre o recitado dos famosos textos do poeta norteamericano Allen Ginsberg que forman parte do célebre poemario Howl and Other Poems.

 

Un recitador a ler e interpretar dun xeito completamente libre, cadora, os textos de Ginsberg, un director que improvisa tomando decisións sonoras en función deste recitado, máis un grupo de executantes a realizaren estas ordes improvisadas, conforman unha obra que pretende respectar e amar cada unha das palabras do poeta, cada significado, cada matiz, acompañándoos de música sen ter por iso que perder a liberdade interpretativa do texto con requerimentos musicais prefixados.

 

Facendo uso da armonía tradicional, do atonalismo máis textural, da melodía máis lírica, da linguaxe jazzística, do bruído (do silencio!), dunha posta en escena de forte carácter xestual e interpretativo, sen renunciar a nada, pero sen preestablecer ningún resultado sonoro ou escénico, Música para un Ouveo tan só precisa das condicións habituais dun auditorio, teatro ou sala de concertos para a creación dun verdadeiro espectáculo que, pasando por diferentes momentos de intensidade sonora e dramática, forma un complexo armazón de sons e de emocións, todo iso unido sempre polo máxico poder da lectura dun poema inesquecible.

O ConcertoColaboradoresContacto!Musica para un OuveoA MusicaO Texto e o seu Autor
"Howl & Other Poems"O Recitador
e os Musicos'''