|
Partindo da lectura sen música do texto introdutorio por parte dun escritor convidado, todos e cada un dos textos escollidos son tratados dun xeito diferente, cada un con cadansúas propias posibilidades de desenvolvemento, e todo contemplado dentro dunha estrutura e duración total do espectáculo, asegurando a creación dun concerto para verdadeiro gozo do público.
Así, do marabilloso lirismo de A Supermarket in California, cuxa posta en escena supón o desenvolvemento dun sistema para improvisar adagios de corda de corte posromántico, chegamos a III, cuxo carácter imbuído dun fuerte espíritu bluesy leva ó establecemento dun acompañamento en forma de vamp jazzístico para este fantástico enguedello de emocións e palabras que entraña o poema.
Atendendo ó seu carácter declamatorio organizado non tanto en longos versículos como en apelacións e exclamacións breves, tomadas directamente da oratoria relixiosa dos preacher estadounidenses, II e Footnote to Howl atópanse irmandados na súa disposición litúrxica, deixando o groso da súa interpretación ó son do piano.
Para rematar, cunha maior complexidade pola súa versificación, polo seu contido, pola súa forma, Howl e America, hoxe movementos externos da obra, requiren no só dunha maior posta en escena, cunha maior necesidade de recursos improvisatorios, senón tamén dunha máis aguda distribución destes recursos para asegurar a boa estruturación do poema. Así, todos os devanditos elementos fan aquí a súa aparición, relacionando a totalidade do concerto, uns movementos con outros, coa evidente función de conseguir un forte comezo e un forte final para un espectáculo que vai creando un interese gradual no espectador, provocándolle dende unha aceptación das linguaxes sonoras máis contemporáneas ata o gozo da linguaxe harmónica máis tradicional, dende a liberdade rítmica absoluta ata lugares comúns con simples métricas sinxelamente definidas, atendendo á duración, estruturación e forma global dunha execución improvisada aínda que sumamente estudada.
|
|
Introdución Por William Carlos Williams
Ouveo II III
Nota a Pe de Páxina a Ouveo Un Supermercado en California América
Duración Total Aproximada: 1h 15 m |
